venres, 5 de decembro de 2014

ACORDOS DA ASEMBLEA POSTERIOR AO 29N DA COORDINADORA DAS MARCHAS DA DIGNIDADE DE PONTEAREAS

O pasado martes 2 de decembro, a Coordinadora de Ponteareas das Marchas da Dignidade celebrou unha Asemblea aberta para valorar a xornada do 29N e definir as futuras  liñas de traballo.

En canto a mobilización “Ocupemos o Obradoiro”, coincidimos en que foi un auténtico éxito de asistencia, o obxectivo  máis visible foi superado, ocupamos o Obradoiro. Con todo, consideramos que o apoio as Marchas da Dignidade deberá ser máis amplo dada a situación de emerxencia social e saqueo xunto ás pertinentes demandas das Marchas. Comezamos o camiño, só nos queda seguir crecendo.

Foi un gran paso para a mobilización e organización popular a unidade que se reflectiu no Obradoiro. Mediante a cooperación, de organizacións que comparten a defensa da igualdade e colectivos que defenden dereitos e servizos atacados pola voracidade das elites, o nivel de resposta e construción de poder popular multiplícase considerablemente. Este é o camiño, ante un inimigo e causa da crise común a unidade é ineludible.

Somos conscientes de que estamos nun proceso de longo recorrido. O 29N mostramos a unidade e a forza do movemento social na Galiza e no estado pero non é suficiente, debemos gañar credibilidade, apoio e profundar no noso discurso. A nosa misión pasa por concienciar e organizar ás clases populares oprimidas, somos maioría e desta forma a vitoria é posible.

En consecuencia co momento no que se atopan as Marchas, na Asemblea da Coordinadora de Ponteareas acordamos unha serie de medidas para continuar a consolidación das Marchas da Dignidade na vila e con elo a loita por unha sociedade xusta. En primeiro lugar, definiremos o funcionamento da Coordinadora para garantir a súa autonomía en relación con elementos externos e a horizontalidade na Asemblea. Por outra parte, establecemos os seguintes eixos da nosa acción futura: 

-Comunicación externa: mesas informativas, actos para explicar as propias marchas (para o que acordaremos un documento) ou sobre temas que nos afectan como pode ser o TTIP. Tamén valoramos a necesidade de chegar ao ámbito rural.

-Implicar a máis colectivos e persoas na Coordinadora, paro o cal realizamos unha lista de contactos a realizar.

-Apoiar reivindicacións concretas dos colectivos da vila, para comezar apoiaremos a mobilización de Ponte Solidario para esixir medidas públicas que garantan unha vida digna a todas as persoas.

Estes acordos son medidas flexibles que se adaptarán tanto as circunstancias como aos acordos das Asembleas das Marchas da Dignidade do ámbito comarcal, nacional e estatal.



Ningún comentario:

Publicar un comentario