martes, 25 de novembro de 2014

AS MARCHAS DA DIGNIDADE CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

As Marchas da Dignidade apoian e apoiarán sempre a loita feminista contra a lacra da violencia de xénero, froito amargo do patriarcado que, no día a día, nos oprime ás mulleres e pretende negarnos a capacidade para construír a nosa propia identidade e desenvolver a nosa liberdade.

Este 25 de novembro, como cada ano, lembramos a loita das irmás Mirabal contra a ditadura de Trujillo en República Dominicana, e con elas aos milleiros de mulleres que sofren a violencia máis irracional que golpea ás oprimidas, a violencia derivada do xénero. Igual que as irmás Mirabal loitaban contra unha ditadura feminicida, hoxe continuamos a facer fronte á estrutura da división sexual e a opresión das mulleres.

En Galiza, son sete mulleres as que morreron por causa da violencia machista durante o que vai de ano, mais tampouco debemos esquecer aquelas que día a día son obxecto desta vergoña social. Durante estes tempos, a violencia de xénero entre a mocidade ten aumentado considerablemente, e isto reflicte que o combate contra a mesma segue a ser prioritario na axenda da loita feminista. Ningún sistema de opresión cae polo seu propio peso, senón que é labor do movemento organizado, das mulleres concienciadas e dos homes que renuncian aos privilexios tinguidos en sangue que o patriarcado produce, as que temos a tarefa inescusable de dar morte á violencia de xénero.


As mulleres tamén loitamos polo PAN, polo TRABALLO e polo TEITO, e nesa loita, é tarefa inescusable acadar a liberdade que nos é negada por este sistema machista. Para simbolizar esa loita, durante a xornada do 29-N e os traballos preparativos, estamos a acompañar o logo das Marchas cun lazo violeta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario