domingo, 16 de novembro de 2014

6ª ASEMBLEA ABERTA DA COORDINADORA DE PONTEAREAS


 
A coordinadora de Ponteareas emprázavos a participar na 6ª Asemblea Aberta e preparatoria do 29N, mobilización das Marchas pola Dignidade (PAN, TRABALLO E TEITO). Co obxeto de organizar as tarefas precisas para participar e difundir dita mobilización.

Terá lugar no CSA O Fresco (Barrio da Ponte, 9) o luns 17 de novembro ás 20:30.

CAMIÑANDO CARA O 29N

As Marchas da Dignidade nacen da confluencia de colectivos sociais, asociacións, plataformas de persoas afectadas, organizacións políticas, grupos veciñais, intelectuais, artistas e persoas a título individual que entendemos que tan só desde a unidade podemos dar resposta á situación de emerxencia social na que nos atopamos. Unha emerxencia social que vén debido ás sangrantes cifras de paro, a reforma laboral e os recortes sociais que son as ferramentas utilizadas polos poderes económicos para seguir mantendo e aumentando as súas cotas de beneficios, mentres abócasenos ao pobo a unha situación cada vez máis preto da pobreza.

PAN
Son máis de 460.000 as persoas que viven por debaixo do límite da pobreza na Galiza, e a pobreza infantil sitúase en niveis superiores ao 22%. Coa supresión de diversos comedores escolares, quedou en evidencia a extrema dificultade que teñen moitas familias en situación de pobreza severa para alimentar os e as súas fillas. Ademais, ONGs afirman que nos últimos 5 anos aumentaron a case 4 veces máis as solicitudes de atención.

TRABALLO
Ter mans para traballar, ter unha carreira terminada, dispor da túa capacidade tanto manual como intelectual e non encontrar un emprego digno é humillante. Cun paro masivo do 22,3% na Galiza (chegando ao 48,4% entre a mocidade) a patronal aproveitase deste drama para baixar os soldos e as condicións laborais das persoas que aínda teñen emprego, polo que atopámonos nunha situación na que ter un emprego xa non é tan sequera garantía de saír da pobreza.

TEITO
Neste último ano os desafiuzamentos subiron na Galiza, especialmente na zona de Pontevedra con 282 familias que foron expulsadas das súas casas, por non teren a capacidade de facer fronte á súa hipoteca. Non hai nada máis inhumano que desaloxar a unha familia do seu fogar, só para alimentar a voracidade insaciable duns banqueiros sen escrúpulos.

Aproveitan a crise para recortar en dereitos (saúde, educación, dependencia, transportes públicos, enerxía, servizos sociais...). Estas políticas de recortes están causando sufrimento, pobreza e incluso mortes e todo para que a banca e os poderes económicos sigan tendo beneficios. Todo a custa das nosas vidas.

Por iso, desde a Marcha da Dignidade en Ponteareas, chamamos a veciñanza a participar na manifestación do 6/11 en Vigo e a tomar o Obradoiro en Compostela o 29/11. Necesitamos unha mobilización unitaria e masiva contra o pago da débeda, polo emprego digno, polos dereitos sociais, polas liberdades democráticas, contras os recortes, a represión e a corrupción, pola renda básica, por unha sociedade de mulleres e homes libres; unha mobilización contra un réxime e uns gobernos que nos agriden e non nos representan. Unha mobilización camiño á conquista das nosas vidas.

PAN, TRABALLO E TEITO!

Ningún comentario:

Publicar un comentario