venres, 25 de abril de 2014

Asemblea Nacional da Columna Galega das Marchas da Dignidade en Teo (Casa Común de Oza)


O 22M galego colle músculo

“O 22M non acaba aquí; isto só é o comezo”. O activismo galego presente na exitosa mobilización das Marchas da Dignidade do pasado 22 de marzo advertía xa de que a masiva protesta supoñía tan só o inicio dun "gran salto" que debera rematar no cambio de réxime e nun novo proceso constituínte no Estado. Agora, a Columna Galega que se sumou con forza a aquela manifestación prepárase para "muscular e consolidar" o movemento e dará outro paso máis nese camiño cunha asemblea nacional aberta na que se prevé representación de máis de trinta colectivos, sindicatos ou organizacións o vindeiro sábado 26 en Teo.
    A Columna Galega do 22M celebra unha asemblea nacional este sábado en Teo desde as 10 da mañá
Será na Casa Común de Oza a partir das dez da mañá e ata alí chegarán xentes de toda Galicia -moitas nos autobuses que se fletan desde diversas vilas e cidades- para unha asemblea que "pretende ser coherente co que xa deseñabamos hai catro meses: o 22M para nada ía ser un fin, senón o inicio". Así o explica Manuel Camaño, secretario xeral da CUT, un dos sindicatos "alternativos" que impulsou a Columna Galega que contou tamén co apoio de CGT, Sindicato Ferroviario, Sindicato da Elevación, SLG, STEG, Anova, FPG, Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista, así como de numerosos movementos sociais e veciñais, plataformas de Stop Desafiuzamentos, Frente Cívico, colectivos feministas, Ecoar ou a Plataforma Galega de Artes Escénicas. Ademais, algún colectivo social uniuse nas últimas semanas a un movemento que pretende ir máis aló.

"O fenómeno das Marchas tivo un éxito incuestionable e sen precedentes, que superou incluso as nosas expectativas máis optimistas", recorda Camaño, que insiste no obxectivo de "consolidar ese escenario de entendemento transveral e plural que xa foi protagonista no 22M". "Temos que fortalecer e muscular a nivel galego esa converxencia antisistema, ese punto de encontro de distintos perfís tanto a nivel social como sindical e político contra este sistema que nos devora", engade.
    "Temos que fortalecer a nivel galego esa converxencia antisistema que xa foi protagonista no 22M"
Logo da xuntanza que en Barcelona fixo balance a nivel estatal das Marchas, agora é Galicia a que sobe un chanzo máis na procura de consolidar o movemento cun debate no que "de maneira democrática e asemblearia" decidiranse os seguintes pasos a dar nun camiño que mantén as mesmas reivindicacións que aquel 22 de marzo: "Pan, traballo e teito, o dereito a decidir das nacións sen Estado, un novo proceso constituínte para acabar coa monarquía, xustiza social e o non pagamento da débeda".

Xa hai varias propostas enriba da mesa que serán debatidas este sábado. Entre as alternativas, mobilizacións nas oficinas de emprego ou unha gran marcha galega da dignidade sobre Compostela. En Galicia e tamén en converxencia con outras protestas a nivel estatal. Pero son tan só ideas que terán que ser postas en común e decididas "para que se fagan con garantías". Serán consensuadas por unha Columna Galega que xa está a organizarse tamén a nivel comarcal. Hoxe mesmo, en Ferrol, as Marchas da bisbarra celebran tamén unha asemblea, ao igual que fixeron en Pontevedra o pasado luns. Todas, confluirán en Teo na procura dunha "consolidación nacional" da Dignidade galega.
    A asemblea decidirá as vindeiras mobilizacións que as Marchas levarán a cabo en Galicia
E todo, malia os evidentes "intentos de invisibilización e criminalización por parte do Estado e dos seus medios de masas", segundo denuncia Manuel Camaño. "Enchéronse horas de radio e televisión e milleiros de páxinas tratando de criminalizar o movemento, mentres que antes se agochou todo o que se puido a convocatoria do 22M; ao final saíulles mal", explica.

Agora, e logo de que a policía e varios medios insistisen en vincular os disturbios posteriores á manifestación co terrorismo de Resistencia Galega, as propias forzas de seguridade aclaran en novos informes que nada tiveron que ver "violentos grupos organizados galegos" naquela violencia. "Foi descarado e todo baseado nun argumentario policial e parapolicial sen sentido... O terrible é que ningún tribunal sentará esta xente no banco dos acusados", insiste Camaño, que cre que a "criminalización" do 22M formaba parte dunha campaña "perfectamente preparada" para tratar de "minimizar o éxito da mobilización". "Non o conseguiron", remata.

Artigo públicado en Praza pública por Miguel Pardo.

<<<

Ningún comentario:

Publicar un comentario