xoves, 6 de marzo de 2014

Rolda de prensa e acto de presentación das Marchas da Dignidade en Pontevedra

Este xoves, 6 de marzo, o grupo de Pontevedra da Plataforma Galega de Apoio ás Marchas da Dignidade fixo unha rolda de prensa para informar os medios do acto de presentación da iniciativa este venres 7 a partir das 19:30h na galería Sargadelos.  No acto intervirán Manuel Pérez do Sindicato Ferroviario-Intersindical, Miguel Cuña da CGT de Pontevedra, Francisco Currás da CUT e Xosé Luis Pallín do Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns de Marín.
Tamén se informou que para o vindeiro venres 14 está convocada en Pontevedra unha concentración ás 19h na praza da Peregrina que ademais de servir para amosar o noso rexeitamento ás medidas económicas, sociais e laborais impostas polo goberno e a troika tamén ten por obxectivo apoiar e visibilizar na cidade de Pontevedra a iniciativa das Marchas da Dignidade animando a cidadanía a participar.

Estes actos forman parte dos preparativos da marcha, a súa difusión entre as e os veciños, que culminará coa organización da viaxe da columna galega para participar na manifestación das Marchas da Dignidade o sábado 22 de marzo ás 17h en Madrid. Para viaxar a Plataforma Galega de Apoio ás Marchas contratou un tren con Renfe que sairá o propio 22 de marzo ás 6:30 da mañá da estación de Pontevedra, pasando por Vigo e Ourense até Madrid a tempo de sumarnos co resto das columnas que chegarán do resto do estado en Atocha.
Aquelas persoas que quixeren viaxar no Tren da Dignidade poderán adquirir os bonos, cuxo prezo é de 45€, no local da CGT no edificio dos sindicatos de Pontevedra, na rúa Pasantería, de luns a venres entre as 19 e 21h ou chamando aos teléfonos 628 685 445 - 606 595 310.

Mobilizámonos por dignidade e porque estamos convencidas e convencidos de que a loita e a mobilización permanente son o único camiño por iso convocamos e animamos a participar e integrarse a todo o mundo nas Marchas da Dignidade que confluirán o 22 de marzo en Madrid, como un paso máis para que o pobo se organice contra o roubo perpetuado polas élites.

Ningún comentario:

Publicar un comentario