luns, 24 de febreiro de 2014

Rolda de prensa de presentación das Marchas da Dignidade en Pontevedra

Este luns 24 de febreiro, Día de Rosalía, tivo lugar unha rolda de prensa en Pontevedra para presentar a iniciativa das Marchas da Dignidade e a manifestación deste mércores 26 de febreiro ás 20h.
Miguel Cuña, da CGT, e Francisco Currás, da CUT, explicaron aos múltiples medios de comunicación presentes na rolda de prensa que as Marchas da Dignidade é unha iniciativa de distintos sindicatos, organizacións sociais e políticas para encher Madrid nunha gran mobilización o vindeiro 22 de marzo, facendo converxer todas as protestas que se dan en todo o estado, a través de distintas columnas que chegarán á capital dende todos os territorios do estado, esixindo o fin dos recortes nos servizos públicos e en dereitos sociais, laborais e o expolio á clase traballadora que está a impor o actual réxime que está a gobernar en contra do pobo.

Durante a rolda de prensa resaltouse que as Marchas da Dignidade é unha iniciativa aberta á que convidamos a participar a toda a clase traballadora porque estamos convencidas e convencidos de que a loita e a mobilización permanente son o único camiño para que o pobo pare o roubo perpetuado polas élites.

Explicouselle á prensa que para irmos a Madrid, a Plataforma Galega de Apoio ás Marchas está a negociar a contratación dun tren a un prezo asequible, e que as persoas de Pontevedra e arredores interesadas en viaxaren neste tren deberán reservar con antelación o seu bono no local sindical da CGT en Pontevedra, na rúa Pasantería, todos os días desde as 19 ás 21h ou chamando ao 606595310 ou 628685445.
Tamén se lles comunicou que o vindeiro xoves 27 de febreiro haberá a partir das 20:30h unha nova asemblea aberta para artellar e organizar na cidade de Pontevedra as Marchas da Dignidade.
Algúns medios como Pontevedra Viva, Faro de Vigo ou Diario de Pontevedra recollen a nova na súa edición dixital.

Ningún comentario:

Publicar un comentario