martes, 25 de febreiro de 2014

Presentación da Plataforma de Compostela de Apoio ás Marchas da Dignidade



Bo día e grazas por virdes. Somos a representación da Plataforma de Compostela de Apoio ás Marchas da Dignidade que irán a Madrid o 22 de marzo dende varios puntos da península. Existen outras plataformas noutras cidades e comarcas de Galicia. A columna galega confluirá na capital do Estado con todo o sindicalismo e asociacionismo alternativo xunto cos movementos sociais. E convocámosvos nesta rolda de prensa por dúas cuestións fundamentalmente:
1)   Manifestación de mañá mércores 26 de febreiro aquí en Santiago. Trátase dunha marcha local de apoio e pra xuntar folgos prá gran mobilización do 22M en Madrid que acabamos de nomear. Simultaneamente haberá outras manifestacións de respaldo no resto de urbes galegas. A nosa partirá ás 20 horas dende a Porta do Camiño e esperamos que concorra moita xente.
2)   Anunciar que pra ir a Madrid o 22M pódese calquera persoa inscribir pra ir en tren a un prezo moi económico. Pode anotarse chamando ó sindicato CUT Compostela (981-584-427) ou se non a través de Rafa do Pico.
As Marchas da Dignidade son e van ser unha contestación social sen precedentes e o pobo galego non pode ficar excluído. A clase traballadora galega ten unha responsabilidade, ten DIGNIDADE e vai estar en Madrid confluíndo cos actores alternativos e subversivos de todo o Estado Español. Alá cada quen se non se quere vir.
Aí veñen agora unhas eleccións europeas. Anda o panorama político bastante revolto e ninguén se fai cargo dos ritmos que esixe a sociedade damnificada. A maioría sindical tampouco. Pero nós queremos insistir: todo o que non pase pola mobilización unitaria, e permanente non vale de nada. Aquelas forzas da esquerda que se din tal ou que se din transformadoras deberan estar aquí connosco. Aínda non é tarde e pódese ir adherindo quen queira. É esta unha plataforma aberta, plural e sen caudillos de ningún tipo. Simplemente respondemos ás pulsións da rúa. Nós si imos estar cos movementos sociais, co colectivo de pensionistas do estranxeiro, co preferentista, coa xente parada e desafiuzada. Con toda a clase traballadora, como tamén o son o estudantado da lei Wert e as vítimas que vai haber pola violencia da nova Lei do Aborto. Entendemos que sen  toda esa loita unitaria, seguramente no momento actual esteamos as organizacións abocadas ó fracaso. Mais por nós non vai quedar e imos estar canalizando toda esa indignación en Madrid o 22M.
Recordar novamente o do tren, que se apunten ó Tren da Dignidade o 22M porque isto vai seguir e non vai acabar nesta data emblemática. Vai haber máis mobilizacións, máis movementos ata que poñamos en cuestión o sistema e o réxime borbónico. E esta mobilización en  Madrid vai ser masiva. E a nosa nación vai contribuír significativamente coa Columna Galega que chegará en tren a Madrid.
Por iso a estamos apoiando con esta marcha de mañá mércores aquí en Compostela e no resto de cidades do país. Esperamos alí ó pobo santiagués ás 8 da tarde na Porta do Camiño. 

Se hai Dignidade, non se pode faltar! Moitas grazas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario