martes, 25 de febreiro de 2014

Apoio do Colectivo Nacionalista de Marín ás mobilizacións da Marcha da Dignidade

O próximo mércores estamos convocados a unha manifestación para apoiar as Marchas da Dignidade que van desembocar en Madrid para manifestarse o 22 de marzo. A Plataforma Galega de Apoio ás Marchas ten convocada unha manifestación en todas as cidades galegas para este mércores, 26 de febreiro, ás 20h. Desde o Colectivo Nacionalista facemos un chamamento a toda a clase traballadora a participar nesta mobilización en Pontevedra que sairá da Praza da Peregrina.
Esta iniciativa de distintas organizacións sindicais, sociais e políticas de todo o estado pretende sumar as reivindicacións de múltiples sectores afectados polas políticas antisociais do estado, contra os recortes sociais, as privatizacións dos servizos públicos, contra a represión á actividade política e social reivindicativa, contra a pobreza e os desafiuzamentos, contra a discriminación racial; en definitiva contra un sistema inxusto que utiliza a crise económica como coartada para destruír a clase traballadora.
A sociedade ten que reaccionar e mobilizarse para esixir o fin destas políticas, pero debemos ir máis alá e lograr un cambio de sistema económico. Un sistema que poña por diante os intereses do pobo fronte aos do capital. Para iso temos que evitar que estas marchas da dignidade poidan ser instrumentalizadas por elementos que só buscan afortalar a súa imaxe, xusto cando estamos ás portas dunhas eleccións como as europeas, non podemos permitir que todo o traballo de concienciación sexa vampirizado para darlle ás aos que só pretenden aproveitarse, unha vez máis, da boa fe do pobo traballador.
Estamos nunha situación límite onde se nos están a impor desde os distintos gobernos, os de antes e os de agora, os centrais e os autonómicos,  a precariedade laboral, o recorte dos salarios, o despedimento libre e as mulleres son tratadas como persoas de segunda categoría.
Debemos dar unha resposta conxunta e contundente capaz de derrubar este réxime corrupto, caduco e ao servizo do capital, mais sen esquecermos tampouco que Galiza ten unha posición periférica e sofre un modelo económico colonial. Somos unha nación sen estado sometida polo estado español e integrada na Unión Europea, e entre uns e outros pactan e deciden o futuro do noso pobo e dos nosos sectores produtivos incrementando a explotación e a precariedade.
Botamos en falta na convocatoria das Marchas da Dignidade unha maior  reivindicación da dignidade dos pobos, das nacións sen estado, e do seu dereito a autodeterminación. Ninguén vai solucionar os nosos problemas, só coa auto-organización do pobo galego poderemos facerlle fronte á política centralizadora que nos impón o tándem PP-PSOE.

Temos pois que mudar a realidade, mais sen perder a perspectiva de sermos o pobo galego, que se manifesta xunto con outros pobos, o basco, catalá, andaluz… en pé de igualdade para reivindicar un cambio de rumo e os seus dereitos nacionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario