martes, 25 de febreiro de 2014

A PLATAFORMA DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS apoia as MARCHAS DA DIGNIDADE



A cultura, no persoal e no colectivo, confórmanos como cidadáns, dános as ferramentas que nos capacitan para actuarmos como seres autónomos, con capacidade crítica na plenitude dos nosos dereitos, ao tempo que nos xunguen a unha colectividade maior na que vivimos e nos desenvolvemos. Coa cultura somos.
Os profesionais das artes escénicas e o público para o que traballamos, vivimos coa pavorosa sensación de estarmos inmersos nun claro DESMANTELAMENTO CULTURAL, provocado pola falta de ideas e plans de futuro, lexitimado coa máscara da crise.
Opoñémonos á pretensión de facer da cultura elite, a que se considere o traballo un artigo de luxo ou unha vivenda un privilexio. Manifestamos o noso rexeite ás políticas encamiñadas a desmantelar a sanidade e educación públicas, que xunto coa cultura son dereitos fundamentais da cidadanía como piares dunha sociedade democrática.
Así mesmo, queremos evidenciar que esa política de recortes e de redución de gasto a calquera prezo se asenta nunha gran mentira, que agacha desposuir á clase traballadora dos dereitos laborais e sociais que garantan unha vida digna.
Na defensa dos nosos dereitos como traballadoras/es, e na defensa do dereito á cultura, a PLATAFORMA DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS apoia as MARCHAS DA DIGNIDADE do día 22 do marzo.


A PLATAFORMA DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS está integrada, entre outras, polas asociacións profesionais:
AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia)
Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas)
Asociación Galega de Músicos ao Vivo
Salas De Teatro Privadas
Asociación de Artistas de Rúa


Ningún comentario:

Publicar un comentario