luns, 17 de febreiro de 2014

A Marcha da Dignidade bota a andar en Pontevedra

A Marcha da Dignidade comeza a andar en Pontevedra o vindeiro xoves 20 de febreiro cunha asemblea aberta a todas aquelas persoas, colectivos e organizacións sociais, culturais, sindicais e políticas interesadas en coñecer e participar nas Marchas da Dignidade cara a Madrid do 22 de marzo.
As Marchas da Dignidade son unha iniciativa de distintos sindicatos e organizacións sociais para encher Madrid nunha gran mobilización o vindeiro 22 de marzo, facendo converxer todas as protestas que se dan en todo o estado, a través de distintas columnas que chegarán á capital dende todos os territorios do estado, esixindo o fin do austericidio e a debedocracia.
A xuntanza que terá lugar a partir das 20:30h no salón de actos do edificio sindical, na rúa Pasantería de Pontevedra, ten por obxectivo dar apoio e divulgar entre a sociedade o que significan as Marchas da Dignidade e tratar de artellar e organizar a campaña de concienciación e mobilización cidadá.
A Plataforma Galega de Apoio ás Marchas ten convocada para o 26 de febreiro unha manifestación nas principais cidades e vilas galegas e que en Pontevedra sairá ás 20h desde a Praza da Peregrina. Para publicitar esta manifestación así como tamén as propias marchas as persoas que facemos parte da plataforma estaremos repartindo follas informativas a partir das 12h do sábado 22 de febreiro na contorna da Praza da Peregrina.
Informar tamén que a Plataforma Galega de Apoio ás Marchas está a negociar a contratación dun tren a un prezo asequible. As persoas de Pontevedra e arredores interesadas en viaxaren neste tren terán que reservar o seu bono antes do día 25 no local sindical da CGT en Pontevedra todos os días desde as 19 ás 21h.

Mobilizámonos por dignidade e porque estamos convencidas e convencidos de que a loita e a mobilización permanente é o único camiño por iso convocamos e animamos a participar e integrarse a todo o mundo nas Marchas da Dignidade que confluirán o 22 de marzo en Madrid, como un paso máis para conseguir os obxectivos que nos temos marcado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario