"
Seguiremos a loitar e a medrar e aquí, ninguén sobra". Quen fala é
Roberto Rivas, o bombeiro da Coruña cuxo nome saíu do anonimato ao
negarse a desaloxar a anciá Aurelia Rey e a quen este sábado, convertido nun símbolo da loita contra os desafiuzamentos lle tocou, nas súas propias verbas, o "
marronazo" de poñerlle voz ao manifesto das
Marchas da Dignidade que confluíron na compostelá Praza do Obradoiro. "
A unidade dános forza", "
cada enfrontamento entre nós, as organizacións sociais e políticas da esquerda, é unha vitoria para o réxime", proclamou Rivas ante unha praza que tornou nunha caste de mar de bandeiras de tantas cores como loitas confluíron, de novo, baixo o lema "
pan, traballo e teito".
Na estela das mobilizacións
iniciadas a pasada primavera as cinco columnas que camiñaron cara á capital transitaron polas rúas de Compostela xunto a persoas diversas que, a título individual ou colectivo, decidiron secundar a convocatoria contra a que, din, é unha "
gran estafa provocada polo poder económico para manter os seus insultantes privilexios". Bandeiras galegas con e sen estrela e enseñas da II República Española mesturáronse cos símbolos de organizacións políticas como Anova, Esquerda Unida ou Podemos e sindicatos como a CUT, CGT, o STEG ou a CNT. Ao seu carón, a Marcha Mundial das Mulleres, o movemento veciñal ferrolán que se opón á permanencia de Reganosa na ría, persoal da CRTVG e de Correos na loita polos seus dereitos, traballadores/as de Lantero que levan 48 días en folga, traballadores afectados polo amianto, colectivos de defensa das persoas con discapacidade, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca ou Stop Desafiuzamentos, entre outros grupos.
Todos xuntos encheron boa parte da céntrica praza compostelá -
o Concello colocou valados para impedir que os manifestantes se achegasen ao Pazo de Raxoi-, á que acudiron nun ambiente a medio camiño entre a reivindicación e a festa, ingrediente que se ocuparon de poñer artistas como o grupo
Habelas hainas ou os xa míticos
Mini e Mero, así como o dramaturgo e actor
Cándido Pazó, que actuou como mestre de cerimonias para lembrar algunhas das causas polas que, di, paga a pena entregar tempo e traballo. As verbas de
Pazó suscitaron os primeiros aplausos que medraron aínda máis ao chegaren á praza os bombeiros da Coruña. "
Os bombeiros si son compañeiros", aclamaron.
O bombeiro Roberto Rivas púxolle voz ao manifesto e diversas persoas achegáronse a el para darlle as "grazas"
Despois de que varios grupos de persoas se achegasen a el para, simplemente, darlle as "
grazas",
Rivas accedeu ao escenario para poñerlle voz ao manifesto contra "
este sistema ruín e perverso" contra o que, di cómpre "
loitar para cambialo". "
O inimigo non é pequeno" e "
ten o coñecemento científico, a educación e a xustiza" pero "
nós temos a nosa dignidade e unidade para derrotalo". "
Mentres non o derrotemos seguiremos a padecer os seus crimes", tales como "
nenos e nenas que pasan fame" ou "bancos que botan á xente á rúa". "
Estannos a deixar sen pan, traballo e teito e non debemos nin o imos permitir, temos a obriga de rebelarnos", tamén contra os que "
non lles importa levar por diante paraxes naturais únicos, facer minas descomuniais e perigosas ou autoestradas que destrúan paraxes tan importantes como a Ribeira Sacra".
"Estannos a deixar sen pan, traballo e teito e temos a obriga de rebelarnos"
Nesta "
loita", explicou
Rivas, os "
antagonismos" son un "
freo". Por iso, alén do manifesto, o bombeiro coruñés achegou o relato de
Eduardo Galeano sobre a
Tecnología del vuelo compartido que, ao seu xuízo, ben podería marcar o vieiro polo que o traballo da esquerda social debería transitar. Nese texto o escritor uruguaio explica o xeito en que os parrulos voan en forma de letra uve: "
o primeiro parrulo que levanta o voo ábrelle o paso ao segundo, que lle despexa o camiño ao terceiro" e "
cando cansa, o parrulo que fai punta baixa á cola e déixalle o seu lugar a outro". "
Todos se van turnando" e "
ningún se cre superparrulo por voar adiante, nin subparrulo por marchar atrás".
As Marchas preparan novas mobilizacións para o vindeiro mes de marzo
A música ao vivo de
Ataque Escampe serviu para poñerlle o ramo -
e para facer bailar a moitos e moitas das presentes- a unha mobilización que terá o seu seguinte capítulo o vindeiro mes de marzo. "
A próxima cita é o 22 de marzo de 2015", confirma un dos voceiros das Marchas en Galicia,
Manuel Camaño, da CUT. Esa xornada "
vai ser a seguinte referencia de mobilización" nun formato aínda por determinar pero coa intención de "
sumar", que "
é a única maneira de acabar coas medidas destes desvergoñados". "
Estamos chegando a unha istuación sen precedentes á que lle hai que poñer couto" e "
ese couto tenllo que poñer a clase traballadora e os sectores populares de Galicia e do Estado" mediante a "
acumulación" das súas "
forzas", reclama.
Reportaxe de
David Lombao |
@davidlombao en
Praza Pública. | 29.11.2014
Todos os contidos textuais de Praza Pública están liberados coa licenza Creative Commons by-sa.
Así pois, es libre de coller todos os textos da web, reproducilos
parcial ou integramente, e distribuílos como queiras sempre que cites a
súa autoría e empregues tamén a mesma licenza.
Sitio-e Galego:
http://marchasdadignidade.blogspot.com/
Sitio-e Estatal:
http://marchasdeladignidad.org/
Redes da Columna Galega:
https://twitter.com/galizaMarcha22M
https://www.facebook.com/MarchasDignidade
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/
https://www.youtube.com/channel/UCaOvAhPYKR43taxbOKCCreg
PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!